É importante avaliar as diversas variables da morfoloxía da úlcera tanto no ámbito descritivo como para un seguimento clínico correcto da súa evolución. Así, en función do grao de afectación tisular debemos diferenciar:
Profundidade:
Depende do grao de afectación.
- Grao I: úlcera que afecta a epidermis e a dermis.
- Grao II: úlcera que afecta o tecido celular subcutáneo ou hipodermis.
- Grao III: úlcera que afecta a fascia e o músculo.
- Grao IV: úlcera que afecta o óso.
Estrutura tisular:
Establece a proporcionalidade entre o tecido de granulación, a fibrina e o tecido necrótico.
- Grao I: base da úlcera ocupada na súa totalidade por tecido de granulación e son inexistentes o tecido necrótico e a fibrina.
- Grao II: base da úlcera ocupada en máis do 50 % por tecido de granulación e en proporción inferior por fibrina. É inexistente o tecido necrótico.
- Grao III: a base da úlcera presenta un tecido de granulación inferior ao 50 %, a fibrina é superior ao 50 % e é inexistente o tecido necrótico.
- Grao IV: o tecido necrótico ocupa a totalidade da base da úlcera, sendo inexistente o tecido de granulación.
Área de extensión:
A medida da área da úlcera permite dispoñer dunha referencia obxectiva de cicatrización da úlcera no seu curso evolutivo, avaliar a efectividade da estratexia terapéutica seguida e establecer un criterio preditivo de curación en función da súa evolución
Os métodos baseados no procesamento dixital das imaxes fotográficas son os máis exactos. Con todo, o procesamento informático das imaxes é moi complexo e supón un elevado custo. Con todo, existen aplicacións informáticas como Imito Measure© ou Wound Tracker Professional© que poden ser de gran utilidade se se respecta a lexislación vixente sobre protección de datos dos pacientes.
Fronte a estes, considérase outro de máis fácil aplicabilidade como o planimétrico a partir do trazado sobre acetato, aceptando unha desviación dos seus resultados en función da área da úlcera. Deben considerarse desviacións de entre o 8% e 11% en función de que a área sexa menor ou maior, respectivamente, a 10 cm2. Para realizalo utilízanse láminas de acetato facilmente adaptables á superficie ulcerosa, cuxo contorno se debuxa cun rotulador. A lámina debe ser estéril e a manipulación e medición deben realizarse coa máxima asepsia. De non ser posible o uso do método planimétrico de lectura automatizada, recoméndase a medición do diámetro maior e menor da lesión [R]4; a obtención destes dous diámetros permite aplicar o método de medición de Kundin (diametro maior x diámetro menor x 0.785).?
Volume:
Non se recomenda o cálculo do volume da úlcera de forma sistemática.