Úlcera Hipertensiva (Úlcera de Martorell)

0 comentarios comentarios

Úlcera Hipertensiva (Úlcera de Martorell)

.........................

DEFINICIÓN

Identifícase co nome propio do autor español Fernando Martorell, que en 1945 describe estas feridas por primeira vez como “úlceras supramaleolares por arteriolite en grandes hipertensas”.
A presentación clínica é moi característica: úlceras superficiais, necróticas, tenden a estenderse, con frecuencia son bilaterais, extremadamente dolorosas, con bordos irregulares e hiperémicos.

 

Tipicamente localízanse na rexión supramaleolar anterolateral da perna ou do tendón de Aquiles.
Están asociadas a hipertensión arterial (HTA) mal controlada de forma persistente en pacientes
con pulsos distais perceptibles; a diabetes está presente en arredor do 60% dos pacientes. Con frecuencia están infradiagnosticadas.
 
EPIDEMIOLOXIA
Aínda que é unha causa pouco frecuente de úlceras en extremidades inferiores, non son raras.
Afectan a pacientes desde os 40 aos 85 anos de idade, con deficiente control da súa hipertensión arterial de longa evolución. Representan do 3 ao 4 % das úlceras da extremidade inferior. A súa prevalencia varía entre o 0,5 e o 1 % das úlceras da extremidade inferior e a súa incidencia de catro a seis novos casos por 1.000 habitantes e ano. A prevalencia e incidencia aumenta no sexo feminino, especialmente nas mulleres con HTA de máis de 25 anos de evolución. Neste grupo de idade e patoloxía, a prevalencia é do 15 ao 18 % e a incidencia de 20 a 25 novos casos por 1.000 habitantes e ano. Tamén é maior a prevalencia no sexo feminino en maiores de 65 anos.

ETIOPATOXENIA
 
Neste tipo de úlcera destaca a lesión arteriolar. A presenza dun patrón histopatolóxico consistente na hipertrofia uniforme das arteríolas e a súa obstrución por acúmulos de fibrina, con hipertrofia nuclear nas células do endotelio e hiperplasia basal (en concordancia cos signos clínicos e presenza de HTA) deben considerarse como específicos da úlcera de etioloxía hipertensiva arterial. A redución da perfusión dos tecidos leva a isquemia local e formación da úlcera. A úlcera empeza como unha mancha vermella que se volve cianótica, formándose unha úlcera dolorosa con leito da ferida isquémico.
 
DIAGNÓSTICO
 
Debido á súa baixa incidencia e prevalencia, pódese confundir facilmente con outros tipos de úlceras. O diagnóstico está baseado na localización típica e nas características clínicas: úlceras necróticas e dolorosas que tenden a deteriorarse progresivamente, asociadas a hipertensión arterial de longa evolución e historia de diabetes. A hipertensión (e a miúdo a diabetes), os signos locais e a arterioloesclerose subcutánea demostrada histoloxicamente son preceptivos para realizar o diagnóstico.
O perfil do paciente afecto é muller, con HTA de longa evolución (máis de 10 anos) e de idade superior a 55 anos con lesións moi dolorosas, localizadas no terzo distal da perna cara externa e supramaleolar, bordos planos, irregulares e hiperémicos, con fondo con fibrina e pel perilesional indemne ou con infartos cutáneos. É frecuente que asente sobre zonas de infarto tisular. A dor non mellora co descenso da extremidade senón que se agrava e é de difícil control.
Xeralmente non está asociada a arteriopatía periférica e, polo tanto, presenta pulsos distais. No caso de que non os presentase, o Índice Nocello/Brazo será superior a 0,75, limiar por encima do cal se descartaría a etioloxía isquémica arterial da devandita lesión.
 
DIRETRICES XERAIS DE PREVENCIÓN E TRATAMENTO
 
A prevención primaria consistiría nun bo control da hipertensión arterial tanto mediante estilos de vida saudable como dos propios factores de risco da HTA (obesidade, sedentarismo etc.). A prevención terciaria está fundada no control da presión arterial, peso, diabetes, exercicio físico, adherencia ao tratamento, coidados adecuados da ferida.
O tratamento da úlcera de Martorell baséase no control da hipertensión (aínda que un control adecuado da tensión arterial por si só non parece reverter estas lesións), o coidado local da ferida e o control da dor.
 
A terapia sobre a úlcera non pode ser distinta da das úlceras isquémicas descritas previamente.
 
Este tratamento inclúe o desbridamento da ferida, o control da carga bacteriana, a xestión do exsudado e o coidado dos bordos e pel perilesional seguindo os principios da cura en ambiente húmido. En casos de feridas de grande extensión estaría indicado o enxerto cutáneo. Non hai evidencias suficientes para recomendar o tratamento con becaplermina xel (factor de crecemento plaquetario) sobre a atención habitual con hidroxel.

A simpatectomía lumbar demostrouse útil para o tratamento da dor, non así para a curación da úlcera. Polo tanto, podería considerarse como opción terapéutica naqueles casos en que o tratamento médico non consiga un control adecuado da dor. O tratamento revascularizador non está indicado no caso da úlcera hipertensiva.

 

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde