Epidemioloxia. Lesións por queimadura

0 comentarios comentarios

Epidemioloxia. Lesións por queimadura

.

As queimaduras son a cuarta causa máis común de traumatismos en todo o mundo, despois dos accidentes de tráfico, as caídas e a violencia interpersoal.

As cifras de incidencia e prevalencia de queimaduras en España estimáronse a partir de diferentes estudos:

Segundo os datos publicados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), en 2018 prodúcense no mundo 180 000 mortes por queimaduras ao ano, sendo máis frecuentes nos países de renda per cápita media e baixa.

En 2004, case 11 millóns de persoas en todo o mundo sufriron queimaduras o suficientemente graves como para requirir atención médica.

Con respecto aos datos dispoñibles en España.

• Segundo o documento de Centros, Servizos e Unidades de Referencia do Sistema Nacional de Saúde (CSUR) do ano 2019(4):

— 300 de cada 100 000 habitantes necesitan atención médica por queimaduras.
— 14 de cada 100 000 habitantes requiren hospitalización tras sufrir unha queimadura.
— As queimaduras por chama e as escaldaduras son as máis frecuentes en todos os grupos de idade.
— Os tres principais factores de risco para a supervivencia dos/as pacientes queimados/as son: a superficie total queimada, a idade e a inhalación de fume asociada.
​ Dacordo co informe de lesionados por queimaduras en España da Fundación MAPFRE.
— O número de urxencias atendidas no período 2011-2017 na totalidade das unidades CSUR de Queimados Críticos españolas foi de 46.325.
— O grupo de idade con maior incidencia de ingresos sitúase entre os 30 e os 50 anos con 3 417 casos, é dicir, un 37,5 %, e prodúcese en maior medida entre os homes, un 62,9 % fronte ao 37,1% nas mulleres no total da mostra.
— A principal causa de queimaduras nos nenos e nenas foi, de xeito moi destacado, a escaldadura, cun 68 % dos casos e unha idade media do menor de 2,8 anos por esta etioloxía.
— No caso dos/as pacientes adultos, a causa máis destacada como orixe da queimadura é a chama, cun 53,1 % dos casos, o que produce nestes pacientes unha superficie corporal queimada do 16,2 %.

As lesións por queimaduras non mortais son unha das principais causas de morbilidade, incluíndo hospitalización prolongada, desfiguración e incapacidade.

O impacto económico das queimaduras é moi importante. En España, estímase que os custos anuais directos e indirectos por paciente queimado son de 83 000 euros, e o custo anual total é de 262 millóns de euros.

Entre o 60 % e o 80 % das queimaduras prodúcense no ámbito doméstico e entre o 10 e un 15 % no ámbito laboral, e a explosión e a chama son os principais mecanismos, seguidos das queimaduras eléctricas e químicas.

Entre as queimaduras domésticas, as máis frecuentes son as provocadas por líquidos quentes (escaldadura), especialmente auga e aceite, seguidas dos sólidos quentes (prancha, estufa).

A vellez e a infancia son as etapas da vida onde se produce o maior número de queimaduras.

Aínda que é difícil obter as cifras exactas de queimaduras que se producen na nosa comunidade, porque moitos/as pacientes non acoden a un centro médico, podemos obter datos da Unidade de Queimados do Complexo Hospitalario da Coruña, recoñecido como centro CSUR(8-9):

  • O grupo de idade con maior incidencia foi o de menores de 10 anos. O seguinte grupo de idade en incidencia foi o de 50-60 anos, cun 16 %.
  • Case o 70 % foron accidentes domésticos (sobre todo por contacto con líquidos quentes).
  • A maior parte (60,03 %) foron queimaduras de segundo grao superficial, seguidas polas de segundo grao profundo (26 %).
  • Por franxas de idade, máis do 60 % das queimaduras de 3.º grao afectaron a pacientes maiores de 50 anos, mentres que o 25 % das queimaduras de 2.º grao superficial afectaron o grupo de 0 a 20 anos. As queimaduras de 2.º grao profundo foron máis frecuentes entre os 40 e os 60 anos.
  • O mecanismo máis común de queimaduras foi a escaldadura (40 %), seguido da
  • chama (22 %) e do contacto directo (15 %). Menos frecuentes foron as explosións,flash eléctrico, queimadura eléctrica, queimaduras químicas...
  • A superficie corporal (SCQ) media queimada foi do 4,61 %, cun rango entre o 0,3 % e o 98 %.
  • A localización máis frecuente das queimaduras foron as mans, salvo nos pacientes maiores de 80 anos, que foron as extremidades inferiores.
  • O 37 % dos/as pacientes atendidos/as na unidade requiriron ingreso hospitalario. A taxa de mortalidade foi do 1,2 %.


 

Cunha adecuada educación e información, a maioría das queimaduras son evitables


Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
  •  
  •  
  •  
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde